Tuesday 07 de May de 2024

A directora da asociación sen ánimo de lucro Acougo presentou o proxecto ao alcalde


A entidade ten en funcionamento desde hai un ano un refuxio de animais de granxa na parroquia de Montemaior.

O alcalde, José Manuel López Varela, xunto ao tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o edil Pablo Cambón, recibiu hoxe no Concello a Mara Collazo, directora e impulsora da asociación Acougo, e á subdirectora, Lilian Collazo, que presentaron aos membros do goberno local o proxecto da entidade.
Acougo é unha asociación sen ánimo de lucro que desde o 14 de febreiro de 2023, hai agora case un ano, ten en funcionamento na parroquia de Montemaior un refuxio cuxo obxectivo é acoller e ofrecer unha segunda oportunidade aos chamados “animais de granxa”. A maior parte proceden de explotacións gandeiras nas que sufrían desatención ou maltrato.

As responsables de Acougo informaron os representantes municipais que no refuxio actualmente conviven corenta e oito animais -destacando a presenza de ovellas, cabras, vacas e cabalos- nun recinto dunha extensión de seis hectáreas de superficie no que reciben os máximos coidados e atención veterinaria por parte de profesionais e de voluntarios.

Tamén explicaron que para financiar o proxecto, ademais das doazóns de particulares, patrocinios e subvencións públicas, levan a cabo iniciativas como poxas solidarias de artigos doados por coñecidos actores e actrices do panorama audiovisual nacional, venda de artigos de segunda man nas plataformas máis coñecidas do sector e sorteos de regalos.

Ademais, Acougo conta con seccións cultural e deportiva a través das que promoverá a organización de eventos, obradoiros e probas populares que axuden a recadar fondos e difundir a actividade solidaria que levan a cabo.

Pódese contactar coa asociación sen ánimo de lucro Acougo e o seu refuxio de animais de Montemaior en liña na web www.acougo.org e nas principais redes sociais.